Sunday 19 de May de 2024

As Consellerías de Politica Social e Medio Ambiente impulsan ‘Dinamizando o Medio Ambiente’, un novo programa que se desenvolverá na Rede Galega de Parques Naturais


Dinamizando o Medio Ambiente incidirá na adquisición de valores de concienciación medioambiental na mocidade a través de experiencias activas de achegamento ao medio natural

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do territorio, no marco da colaboración entre ambos departamentos veñen de poñer en marcha o programa ‘Dinamizando o Medio Ambiente’, unha iniciativa que ten por finalidade valorizar o patrimonio natural galego entre a mocidade, de xeito que os mozos e mozas tomen conciencia da súa importancia ecolóxica, medioambiental e económica, a través de experiencias activas de achegamento ao seu coñecemento e goce.

O ámbito para o desenvolvemento deste programa son os seis parques naturais da nosa Comunidade Autónoma e as actividades estarán dirixidas aos mozos galegos de entre 16 e 30 anos, tratando de estimular o seu interese pola conservación e uso sostible do patrimonio natural.

A primeira das actividades do programa “Dinamizando o Medio Ambiente” terá lugar o sábado 30 de xullo do 2016 no Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán na que participarán 25 mozos e mozas galegos. Se inclúen actividades como visita guiada ao centro de interpretación do ecosistema litoral galego (CIELGA), observación e avistamento de aves, subida ao miradoiro da pedra da ra, etc.

A inscrición farase mediante formulario electrónico a través da web www.xuventude.xunta.es, e estará aberto o prazo ata as 23:59 horas do 28 de xullo.

Esta iniciativa se suma ás que están a desenvolver ambas Consellerías no ámbito da promoción e dinamización dos Parques Naturais, contribuíndo á posta en valor das principais figuras do patrimonio natural galego, a través dos programas de voluntariado en Parques Naturais e dos campos de traballo Dunas de Corrubedo e Muiños de Torrente no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.